Na primeira sesión de “El método clínico en Neurología” organizado pola Sociedade Galega de Neuroloxía tivemos oportunidade de escoitar en primeiro lugar ó Dr. J. Aboal Viñas, falándonos acerca da realidade do Sector Sanitario Galego. Nela falouse do avellentamento da poboación galega, co incremento consecuente das enfermidades neurolóxicas das cales a Enfermidade de Alzheimer é a causa máis frecuente de falecemento. Asimesmo, confirmounos que as enfermidades cerebrovasculares xunto coa epilepsia e a esclerose múltiple, son as causas máis frecuentes de hospitalización en Neuroloxía. Tamén se ofreceron datos sobre inversión farmacéutica (que non gasto) e da intención de implementar as consultas especializadas non presenciais (e-consulta) mediante o contacto con Atención Primaria.
En segundo lugar, tivemos o placer de escoitar ó Dr. M. Noya García, falando acerca da historia clínica neurolóxica. A través da exposición de diferentes casos clínicos valorados en primeira persoa, lembrounos a importancia dunha boa historia clínica e da exploración física como ferramentas fundamentais para chegar a un correcto diagnóstico.