IN MEMORIAM.
Dr. José Manuel Martínez Lage
José Manuel Martínez Lage Naceu en Betanzos en 1935 e licenciouse en Medicina en 1959 pola Universidade de Santiago de Compostela. Ese mesmo ano ingresou na Facultade de Medicina e Clínica Universitaria de Navarra. Realizou estadías no King’s College Hospital de Londres e en 1963 especializouse en Neuroloxía Clínica en París (Hopital de la Salpetriere co Prof. Garcin). Obtivo o título de Doutor en Neuroinmunoloxía en 1967 e durante 20 anos dirixiu o Departamento de Neuroloxía da Clínica Universitaria de Navarra que fundara.
Durante 46 anos desenvolveu unha ampla actividade docente, primeiro como Instructor e Profesor de Clases Prácticas de Neuroanatomía e Adxunto de Electroencefalografía e posteriormente como Profesor Adxunto, Profesor Asociado, Profesor Ordinario de Neuroloxía e finalmente Profesor Honorario de Neuroloxía. Na docencia de posgrao, dirixiu o Programa de Doutoramento en Neurociencias.
As súas contribucións científicas en todas as ramas da neuroloxía, fundamentalmente no campo da Epilepsia, a enfermidade de Parkinson e especialmente na demencia, seguiron sendo un exemplo de bo traballo. Foi director de máis de 30 Teses de Doutoramento, autor de 40 libros, máis de 150 capítulos de libros e case 400 artigos científicos, actuando tamén como un dos grandes divulgadores da neuroloxía nos medios de comunicación.
Entre outros cargos, José Manuel Martínez Lage foi presidente da Sociedade Española de Neuroloxía, da Liga Española contra a Epilepsia e da Asociación Europea de Neurofarmacoloxía Clínica e foi vicepresidente da Federación Mundial de Neuroloxía. Pola súa contribución ao desenvolvemento da ciencia recibiu a Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio.
Formou parte daquel grupo de neurólogos que, cunha gran formación académica e amplos coñecementos en neuroloxía, foron quen de cambiar a visión da neuroloxía na España dos anos 70. Baixo a súa dirección formáronse máis dun centenar de neurólogos, moitos dos cales son na actualidade figuras destacadas no seu ámbito de traballo a nivel nacional e internacional, polo que sen dúbida pode ser considerado un dos forxadores da Neuroloxía española da segunda metade do século XX.
O Prof. Martínez Lage, betanceiro de orixe galego practicante alí onde estivo, participou en múltiples encontros celebrados en Galicia durante os seus máis de 40 anos de exercicio profesional e sempre estivo aí cando lle pedimos. Dende a Sociedade Galega de Neuroloxía queremos expresar o noso recoñecemento ao seu enorme labor e enviar os nosos máis afectuosos recordos aos seus numerosos discípulos e á súa familia.
Descanse en Paz.