A demencia é unha síndrome que inclúe o deterioro de múltiples áreas cognitivas e actividades sociolaborais, con perda de autonomía e aumento da dependencia.
A súa causa máis frecuente é a ENFERMIDADE DE ALZHEIMER en aproximadamente un 60% dos casos. O deterioro cognitivo leve varía entre un 3-50% da poboación anciá e un 8-12% destes pacientes evoluciona anualmente cara a demencia. Estímase que en España unha porcentaxe significativa de persoas con demencia non están diagnosticadas e só un 25% dos pacientes con enfermidade de Alzheimer recibe un tratamento farmacolóxico apropiado.
Galicia, ao ter unha poboación máis envellecida que a media nacional, é unha área especialmente afectada por este problema, con todo, a asistencia á demencia na Comunidade segue sendo desigual.
A procura de solucións debe abarcar múltiples aspectos que van, desde a realización dun diagnóstico precoz, o tratamento máis adecuado e os coidados multidisciplinares por parte de neurólogos, neuropsicólogos, terapeutas ocupacionais, asistentes sociais, familiares e asociacións de pacientes.
Nas demencias neurodexenerativas como o Alzheimer, a eficacia dos tratamentos farmacolóxicos específicos é limitada, polo que hai que insistir ademais nas medidas non farmacolóxicas, o chamado envellecemento saudable: dieta controlada, control de factores de risco vascular, o exercicio físico, estimulación cognitiva e participación en actividades sociais. Todas estas medidas demostraron cientificamente o seu beneficio na prevención do deterioro cognitivo.